28 Abril 2009

VIAXE GRATUÍTA A DONOSTI


Lembramos para os despistados que Celtarras monta viaxe gratuita esta fin de semana a Donosti para os socios da peña, e que todo aquel que queira anotarse pode facelo durante esta semana no Piratas do Faro dende as 22:30; para calquera dúbida ou consulta, tamén pode contactar co noso mail celtarras_gz@hotmail.com

Tal como se acordou, Celtarras vai pagar íntegramente esta viaxe a tódolos seus socios (ata que se complete o autobús), e todos aqueles que non pagaron todavía a súa cuota de 15 euros, terán que facelo para poder desplazarse connosco.

1º DE MAIO


A CGT e a CUT convocan, un ano máis, á manifestación unitaria da clase traballadora que sairá ás 11 horas da Praza de Fernando El Católico en Vigo. O lema que encabezará a nosa manifestación será “ESTE SISTEMA NON SERVE. CAMIÑANDO Á FOLGA XERAL.”

A conxuntura de crise capitalista actual fai máis necesaria que nunca a acumulación de forzas de cara unha FOLGA XERAL, que si ben non vai ser a solución á situación que estamos a vivir si será un claro aviso ao capital de que clase obreira non vai tragar coas medidas destinadas a facernos pagar esta crise. Os trinta anos longos de neoliberalismo imposto dende EEUU, e aceptado por UE e Xapón, co engadido da globalización dos últimos 15 anos, levaron á clase traballadora a unha perda constante de poder adquisitivo, disfrazado polo endebedamento baseado nos créditos para vivir; levaron á universalización da precariedade; levaron a que o 60% da poboación mundial traballe sen contrato algún; levaron a que no 2009 esteamos achegándonos aos 1200 millóns de homes, mulleres e nenos que pasan fame; levaron á destrución dos recursos naturais; levaron á especulación cos alimentos ata o punto de que estamos a vivir unha crise alimentaria que se fará máis evidente nos vindeiros anos; levaron á desaparición dos cartos en operacións bancarias que beneficiaron aos grandes executivos; levaron aos banqueiros a converterse nos amos do mundo que privatizan as ganancias e socializan as perdas... o neoliberalismo global destruíu a terra e á clase traballadora. Temos que reaccionar!

Que podemos dicir do Estado español? O tan cacarexado crecemento económico dos Aznar e Zapatero estivo baseado na burbulla da especulación inmobiliaria. Non crearon tecido industrial algún. A competitividade da economía española sempre estivo baseada na desvalorización da súa moeda, nos baixos prezos dos seus produtos. Coa chegada do euro xa non puido desvalorizar a moeda e abaratou os produtos reducindo a masa salarial, é dicir, precariedade no emprego e perda de poder adquisitivo para nós. Nestes anos, a economía creceu grazas ao consumo interno baseado no boom da construción, grazas á chegada de inmigrantes e á chegada do turismo. Nestes anos de bonanza a taxa de paro máis baixa alcanzado foi dun 8% no primeiro trimestre do 2007, unha taxa similar á que Francia ten neste 2009 e levou aos seus traballadores e traballadoras xa a dúas folgas xerais.
A complicidade dos grandes sindicatos co poder, a inexistencia dunha esquerda política real e a enfermidade consumista son os tres grandes factores que impiden que ata hoxe ninguén convocara unha FOLGA XERAL. A patronal, o goberno e os sindicatos profesionais están a preparar unha nova reforma para darlle azos a ESTE SISTEMA QUE NON SERVE; esta reforma vai significar máis EREs, máis precariedade, máis despedimentos subvencionados con cartos públicos, máis subvencións aos causantes da crise... de non pararlles os pés farán de novo que nós salvemos o sistema para que este siga a nós explotar.

A clase traballadora temos a obrigación histórica de non darlle osíxeno a un sistema capitalista que leva á destrución do planeta e á explotación do proletariado. A nosa obriga e iniciar un camiño de acumulación de forzas sindicais, sociais, ecoloxistas, veciñais... de cara a unha FOLGA XERAL que poña no seu sitio aos culpábeis. Este 1º de maio ten que ser o primeiro paso nun camiño longo e duro de cara ao obxectivo. Compañeiro/a da un paso adiante coa túa dignidade e únete á MANIFESTACIÓN UNITARIA DA CUT E CGT.

27 Abril 2009

CELTA 2-LEVANTE 2


A pesares das numerosas e importantes baixas coas que chegaba a Vigo, e a pesares de ter un 2-0 en contra, o Levante puido arañar un punto nun Balaídos no que nunca puntuara en segunda división. Este Celta segue dando enormes facilidades ós seus rivais para que acaden goles, e con ese panorama é tarefa moi difícil sacar os partidos adiante. Ademais, os xogadores célticos tamén seguen amosando enormes dificultades para crear ocasións de gol sobre as porterías rivais. Nesta ocasión, de pouco serviron os tantos iniciais de Díaz e Ghilas no primeiro e segundo tempo, respectivamente, xa que esa indolencia defensiva agasallou ós xogadores azulgranas con dous tantos que subían o empate ó marcador final.

O certo é que o encontro resultou, sobre todo no primeiro tempo, un auténtico bodrio, pero cando menos, o 2-0 servía para manter a distancia de 7 puntos co descenso, pero últimamente semella que estamos condeados a que a ledicia nos dure moi pouco tempo. Agora mesmo son 5 os puntos que nos separan dos postos de descenso, e o calendario que nos ven nas xornadas que restan para a conclusión do campionato non é nada doado, coas viaxes ós campos da Real Sociedad, Zaragoza e Hércules, e visitas a Balaídos dos rivais directos Las Palmas, Murcia e Alavés. Para as dúas derradeiras xornadas, o calendario depararanos a visita ó xa descendido Sevilla Atlético, mentres que na xornada 42 recibiremos a un Xerez que podería xogarse nese encontro o seu ascenso a primeira división.

Fotografías cedidas por Eugenio Álvarez para a web de Celtarras

22 Abril 2009

SECCIÓN CELTA BORROKA


Uns rapaces de Celtarras crearon recentemente unha nova sección coa que pretenden aglutinar e organizar á xente máis nova presente en Fondo. Comentáronnos que todos aqueles rapaces e rapazas que se lles queiran unir serán benvidos na mesma, e para elo que se poñan en contacto con eles os días de partido na zona do Luar.

20 Abril 2009

Polo futuro do noso idioma!


Na Galiza existe un conflito lingüístico: a substitución da nosa lingua propia polo español. Unha lingua allea foi imposta durante séculos polo poder político e económico e ainda hoxe conta con enormes privilexios legais e sociais, o que provoca un lento declive do uso galego que só é parcialmente freado polas iniciativas do movemento normalizador de base.

Na mocidade este feito é especialmente alarmante: por primeira vez na historia, a nosa xeración de mozas e mozos non temos como primeira lingua o galego.

O ensino é o principal axente desgaleguizador da xuventude. Unha lexislación de mínimos (o decreto 124/07) é sistematicamente incumprido coa complicidade da administración, o que provoca que miles de nenas e nenos galegofalantes abandonen a sua lingua ao remate do ensino obrigatorio e ao tempo impede que sectores xa españolizados adquiran un mínimo dominio do idioma do seu país.

Na Universidade, sen lexislación que ampare o galego, a situación é ainda pior, situándose o uso do galego nas aulas do ensino superior entre un ridículo 9% (UdC) e o 20% (USC) de media.

A imensa maioría dos ámbitos de lecer xuvenil están completamente españolizados. Cinema, música, videoxogos, programas informáticos… Nestes ámbitos a presenza do galego é ínfima, ante a indiferenza ou mesmo a hostilidade das administracións e dos medios de comunicación, tamén totalmente españolizados.

A pesar disto, o galego segue a ser a primeira lingua do país, grazas á vontade colectiva do noso pobo por manter vivo o seu principal sinal de identidade. Calquera situación de conflito lingüístico entre dúas ou mais línguas pode resolver-se coa desaparición da língua mais débil ou ben coa normalización desta. Apostamos por esta última alternativa, no camiño do monolingüismo social que nos traia a normalidade como pobo.

Aspiramos a unha Galiza na que toda a sociedade -e particularmente a mocidade- poda desenvolverse con plena normalidade no noso idioma. A nosa lingua nacional, e portanto a única que debe ser oficial, é o galego, e é partindo dela que debemos ver o mundo e coñecer outros idiomas e culturas.

20 ABRIL 1994


No día de hoxe cúmprense 15 anos da primeira final de copa á que puidemos acudir como peña, e que significaba a segunda na historia do Celta. O 20 de abril de 1994, milleiros de celtistas viaxabamos a Madrid para aquela final que perderiamos na quenda de penaltis ante o Zaragoza de Víctor Fernández. Lonxe queda xa aquela data no tempo, e máis todavía observando a actual situación deportiva e institucional pola que atravesa o noso clube.

Os señores que este pasado sábado mancharon a elástica celeste, tiñan que estar obrigados a visionar este encontro na xornada de hoxe, e que se lles caia a faciana ó chan de vergoña.

Quen non sinta as cores, á rua, comezando polo infame Ramón Martínez.

CELTA B 0-RÁCING 0




Fotografías cedidas por Eugenio Álvarez para a web de Celtarras

19 Abril 2009

RAYO VALLECANO 4-CELTA 1


Os xogadores do Celta deixáronnos nesta visita ó Teresa Rivero de Vallecas unha imaxe ridícula e lamentable, saíndo goleados polo que é, con diferencia, o equipo menos goleador de tódolos que se atopan nos primeiros postos da clasificación; pero da igual que os vallecanos sempre basearan as súas vitorias anteriores en aproveitar cunha boa solidez defensiva os escasos goles ó seu prol, xa que nesta ocasión tiveron en fronte a unha das defensas máis paupérrimas da categoría, polo que non tiveron problemas en incrementar a súa conta goleadora, que inda puido ser maior.

Ó conxunto local bastáronlle cinco minutos, dende o 7 ó 12 do primeiro tempo, para sentenciar o encontro. É incrible cómo uns xogadores teoricamente profesionais poden encaixar tres goles en apenas cinco minutos, pero este Celta é así. Os catro goles viñeron pola banda esquerda do conxunto local, inda que tamén é certo que a nosa defensa fixo augas por tódolos lados. Con 4-0 en contra, Ghilas marcou no segundo tempo un golazo que únicamente valeu para maquillar o resultado final. Unha xornada máis, únicamente os pésimos resultados colleitados polos catro derradeiros clasificados nos manteñan lonxe dos postos de descenso a Segunda B.

Salientar a presencia, entre a escasa afección céltica, duns 15 membros da nosa peña, que tal como acontecera nas anteriores viaxes desta tempada, voltaron para o país sen poder ollar un triunfo do noso equipo.

17 Abril 2009

II CONCERTO SOLIDARIO CELTARRAS


O pasado sábado celebramos este novo concerto solidario para recadar cartos para a xente da peña sancionada polos infames da Comisión Antiviolencia, cunha máis que aceptable presencia de xente, tendo en conta que a data escollida non foi a máis axeitada, xa que moitos socios de Celtarras se atopaban ese día fóra da nosa cidade por mor dos días festivos.

O concerto, que comezou con certo retraso, gustou bastante ós presentes, e tivo o seu punto álxido coa actuación de A Quemarropa, cuios compoñentes puxeron a sala patas arriba. Dende eiquí, queremos agradecer ós grupos participantes (Dsskartes Band, Skandalo GZ e Bretxakada, ademais do xa citado grupo burgalés) por tocar de forma totalmente desinteresada.

Queremos facer unha mención especial ós compañeiros que se moveron e encargaron de que, igual que sucedera no anterior concerto no CS O Guindastre, todo estivera tan ben organizado.

13 Abril 2009

CELTA 1-CÓRDOBA 0


O Celta da era Eusebio acadou por fín o seu primeiro triunfo, e rachouse deste modo a mala xeira de resultados que acompañaban ó equipo dende o pasado mes de xaneiro, e por fín se suman os tres puntos en xogo despois de 12 encontros sen poder facelo. O Celta non fixo, nen moito menos, méritos como para levarse os tres puntos en xogo, pero desta volta sí que tivemos a sorte que faltou noutros encontros onde ó mellor sí que se merecera un mellor resultado.

Foi nun pésimo primeiro tempo cando o Córdoba estivo máis preto de adiantarse no marcador, pero a súa inoperancia en ataque facilitou que se chegara ó descanso cun empate sen goles que Ghilas se encargaría, con bastante sorte no remate (máis ben rexeite), de rachar nos primeiros compases do segundo tempo. O franco-arxelino tivo unha celebración un tanto accidentada dese gol, xa que cando corría cara Fondo, esbarou e golpeouse contra o valado de detrás da portería. Como é costume, o Celta non soubo matar o encontro a partires de aí, e houbo que sufrir bastante ata que o colexiado asubiou o final do encontro tras engadir uns excesivos e agónicos catro minutos de desconto durante os cales os nosos xogadores tiveron que defenderse con todo para afastar o balón da nosa área.

Salientar a entrada no once titular, por decisión técnica, de xogadores nada habituais, como Vila, Fabiano e mailo porteiro Falcón. Ademais, xogadores como Renán ou Jordi continúan asentándose no equipo titular. Dende a súa chegada, Eusebio xa alineou a 23 dos 24 xogadores do primeiro equipo, e só Danilo continúa sen xogar dende que o ex-xogador céltico chegou ó banco.

Este resultado, unido ó enésimo traspés do Alavés, deixa agora mesmo o descenso a sete puntos de distancia. O vindeiro encontro enfrontaranos ó Rayo Vallecano, único equipo que continúa invicto como local, e que ocupa un terceiro posto que lle daría o ascenso á primeira división. Agardemos que este triunfo sexa o punto de inflexión definitivo, e que canto antes se sumen os puntos necesarios para asegura-la permanencia e esquecer unha nefasta campaña.


No aspecto ambental, pola nosa banda houbo un bo apoio ó equipo en liñas xerais, con intres de moi boa animación. Agradécense os encontros no seu horario habitual de domingo, moito máis futboleiro que os sábados de tarde e domingos de mañá. Tendo en conta a traxectoria do equipo nos derradeiros meses, así como a habitual escasa presencia de siareiros nas bancadas de Balaídos e regreso de vacacións para moitos, o estadio rexistrou unha aceptable asistencia de público para o que é normal, e para o que moitos agardaban.


Fotografías cedidas por Eugenio Álvarez para a web de Celtarras

07 Abril 2009

II CONCERTO SOLIDARIO CELTARRAS


Para os despistados (e para os que non vos atopedes de viaxe fóra de Vigo esta vindeira fin de semana), lembramos que este sábado, a partires das once da noite, temos cita no bar A Farándula (Praza de Portugal, zona Churruca) cun novo concerto solidario organizado pola nosa peña para seguir recadando cartos para a xente de Celtarras sancionada pola Comisión Antiviolencia.

Desta volta, o prato forte será a actuación dos burgaleses A Quemarropa, grupo composto por varios membros de Resaca Castellana, e que meses atrás editaron un primeiro disco que está a gustar moito e ter unhas críticas moi boas. Debaixo deixámosvos un par de vídeos seus, dunha actuación en directo e do seu tema hooliganeiro Everywhere We Go, respectivamente. Xunto a eles, tamén actuarán os grupos Bretxakada, Skandalo Gz e Dsskartes Band, entre os que se atopan membros de Celtarras.



06 Abril 2009

SALAMANCA 2-CELTA 1


O Celta encadeou en Salamanca a súa 12ª xornada consecutiva sen acada-la vitoria, despois de que un desastroso segundo tempo dos nosos xogadores tirara pola borda o bo traballo do primeiro, onde un gol de Ghilas propiciou que o noso equipo se retirara ós vestiarios cun 0-1 a favor no descanso, tanteo que ben puidemos incrementar durante ese mesmo período. Trala reanudación, o tempraneiro gol local fixo que o encontro trocara por completo, xa que un partido máis, o Celta non foi quen de repoñerse tras recibir un gol do equipo rival, e convertíuse, como soe dicirse nestes casos, nun xoguete a mans do Salamanca. Só unha nova derrota do Alavés permítenos manter a mesma distancia de 5 puntos sobre o descenso, inda que os triunfos de Las Palmas e Córdoba (vindeiro rival, este domingo -por fín- a partires das seis da tarde en Balaídos) xa os colocan cos mesmos puntos que nós.

Nesta ocasión, a afección céltica, desprazada con máis dun milleiro de siareiros, deu unha auténtica lección de compromiso e entrega ós xogadores, cun bo nivel de animación en liñas xerais (sempre están os típicos tocapelotas que mellor farían quedando en casa) que mesmo continuou tralo pitido final. Que tomen nota.

No que respecta ó noso grupo, houbo unha boa presencia de compoñentes en terras charras, superando o medio cento entre a xente que viaxou no autobús montado para a ocasión e mailos desprazados por outros medios. Nun encontro do máis tranquilo na bancada, a actuación da policía española voltou ser, unha vez máis, lamentable, con continuas provocacións, sen falar das identificacións e expulsións do campo que levaron a cabo sen motivo algún.

Rematamos cun texto sacado dun foro de siareiros do Salamanca (halaunion.com):

Pues cuando ibamos a entrar al fondo sur, habia unos antisfascistas buscando a los Brigadas, me parece q eran del celta porque alguno llevaba la camiseta.....que por cierto hoy los Brigadas no han estado...........

CELTA B 0-LUGO 0



Fotografías cedidas por Eugenio Álvarez para a web de Celtarras

01 Abril 2009

SOLIDARIEDADE COS PATRIOTAS GALEGOS


O organismo popular anti-repressivo precisa de jeito iminente neste Abril a quantidade de 5800 euros para abonar em Madrid.

O conceito que gera semelhante desembolso económico é a realizaçom dumha peritagem legal imprescindível para o processo judicial em que estám encausados os patriotas galegos Santiago Vigo e José Manuel Sanches. Mais umha vez, fazemos um apelo público à solidariedade do Povo Galego com os militantes repressaliados e à participaçom colectiva na sua defesa perante os tribunais de excepçom de Espanha através da doaçom de recursos económicos.


Segundo informaçons facilitadas pola Equipa Jurídica do organismo, se finalmente se determinar a competência da ‘Audiencia Nacional’ para processar José Manuel Sanches Gorgas e Santiago Vigo Domingues –algo que é absolutamente provável apesar da batalha legal estabelecida neste sentido-, o juízo poderia fixar-se para finais de 2009 ou princípios de 2010. Além da incerteza das datas, a realidade é que a defesa jurídica de ambos patriotas implica um desembolso continuado de fundos que agora se agudiza com a imprescindível realizaçom dumha peritagem técnica e o desembolso anunciado.


Mais umha vez, recorremos à sempre efectiva solidariedade comunitária de galegas e galegos para fazer frente a umhas quantidades cujo abono é urgente e imprescindível, como dixemos, para defender os militantes presos nas melhores condiçons possíveis ante os tribunais de excepçom. Temos aberta a Conta Nacional 2091 0395 21 3040001337 na entidade financeira ‘Caixa Galicia’ através da que as pessoas e colectivos solidários podem fazer as suas achegas económicas. Solicitamos que junto aos ingressos realizados se anexe o conceito ‘Peritagem Madrid’.


Anonimato garantido


A realizaçom do ingresso por colectivos ou particulares nom precisa necessariamente da identificaçom ante a entidade bancária da pessoa ou grupo que realiza a achega económica. De Ceivar comprometemo-nos a destinar a totalidade dos ingressos obtidos sob o citado conceito ao abono da citada peritagem. Animamos a todos os portais independentistas a reproduzirem esta informaçom e somar esforços na defesa colectiva dos patriotas galegos que neste momento enfrontam a prisom, a dispersom e o isolamento.


AVANTE A SOLIDARIEDADE GALEGA!

LIBERDADE PRESOS INDEPENDENTISTAS!

DISOLUÇOM DA ‘AUDIENCIA NACIONAL’!