29 Janeiro 2009

CELTARRAS NA RADIO PIRATONA


Onte mércores, 3 socios da peña foron falar á Radio Piratona, ó programa "non hai tregua". Alí deron a coñecer as multas que nos foron impostas no Celta-Sporting de Xixón, así como a xornada solidaria organizada para recadar cartos que terá lugar no Guindastre. Tamén falaron sobre a represión sufrida no Celta-Sevilla Atlético, coa retirada de bandeiras de Palestina por parte da seguridade do campo. O horario no que poderedes escoitar esta entrevista sintonizando o 106.0 FM é:

Xoves 19:00
Venres 08:30
Domingo 14:30
Martes 00:30

27 Janeiro 2009

BOCK-OI, DENDE PONTEAREAS

Poñémosvos dous vídeos do primeiro concerto desta nova banda de Ponteareas composta por membros de Celtarras como adianto do que poderemos ver en directo o 14 de febreiro no Guindastre, na xornada solidaria que organizamos para sacar cartos para os compañeiros multados pola xustiza española por loitar contra o fascismo.



20 Janeiro 2009

CAMPAÑA SOLIDARIA CELTARRAS


Como a meirande parte de vós xa sabedes, varios membros de Celtarras foron elexidos a dedo e identificados durante o encontro disputado entre o Celta e mailo Sporting de Xixón na tempada pasada, e acusados posteriormente de diferentes feitos polos que, pese a carecer de probas contra eles, foron declarados culpables ó desestimarse os diferentes recursos que estes compañeiros foron realizando. Agora tócalles pagar multas duns 5.000 euros a cada un, e dende Celtarras temos que axudarlles económicamente no máximo que poidamos, por iso imos levar a cabo unha serie de iniciativas, como elaboración de material, concertos, festas... para tentar recadar a maior suma de cartos que nos sexa posible. Para todo elo, é imprescindible a colaboración de todos, tanto economicamente como axudando no traballo. Pensa que calquera pode ser identificado e sancionado pola cara e sen facer nada, é calquera de nós podería estar agora mesmo tendo que abonar esa multa desproporcionada.

O vindeiro sábado 14 de febreiro organizaremos unha xornada solidaria no CS O Guindastre, con xantar, concerto de dous grupos formados por compoñentes da sección Ponteareas, e posterior festa ska-rockesteady. Xa podedes adquirir as entradas no mesmo centro social, na cervexería Piratas do Faro, ou mesmo durante o vindeiro encontro do Celta en Balaídos.

A SÚA REPRESIÓN COMBÁTESE COA TÚA SOLIDARIEDADE

19 Janeiro 2009

¿LIBERDADE DE EXPRESIÓN EN BALAÍDOS?


Unha vez máis, e xa non sabemos nin cantas van, dende as forzas de seguridade que operan habitualmente en Balaídos, e máis concretamente na nosa bancada de Fondo, a piques estiveron este pasado sábado de provocar un altercado nun encontro que debera ser do máis tranquilo no que respecta a incidencias extradeportivas.

Para a nosa sorpresa, nas portas de acceso ó interior do estadio foron roubadas tódalas bandeiras de Palestina alegando que nese encontro non íamos exhibir ningún tipo de política ¿¿??, segundo parece por ordes dadas por supostas presións da embaixada israelí ¿¿??. O curioso é que tamén aproveitaron para non deixar pasar algunha que outra ikurriña, algo completamente surrealista e absurdo, xa que salvo a coincidencia en varias cores destas dúas bandeiras nacionais, non ollamos a relación entre elas. Evidentemente, o caso era provocar e tocar os collóns, como é costume.

Dentro da bancada, e durante a primeira parte, pendurouse nun dos valados de dentro da bancada unha bandeira palestina que se acadara meter e que non molestaba a ninguén, pero que non pasou desapercibida para a seguridade, que enviou a un Garda a arrincala. ¿Ata que punto teñen dereito a secuestrar pola cara bandeiras legais só porque a eles non lles gustan?, ¿onde está o noso suposto dereito á liberdade de expresión?, ¿por que noutros campos sí que se puideron levar a cabo pacíficas mostras de solidariedade con Palestina e no noso campo tentaron impedilo?; ou peor aínda, ¿por que non poñen o mesmo empeño para retirar bandeiras e faixas con simboloxía franquista e nazi que xornada tras xornada poden exhibirse con total impunidade, salvo moi contadas excepcións, por diversos campos do estado español?.

Durante a segunda parte xa se sacou a faixa de apoio a Palestina, pero desta volta ninguén entrou a secuestrala, xa que estaba claro que unha entrada das forzas de seguridade para levala porque sí, ante varios milleiros de pares de ollos, como que non ía quedar moi ben, e se cadra ata unha boa parte do estadio censuraba a actuación das Forzas de Seguridade. Iso sí, tralo pitido final, e á saída do estadio, houbo unha tentativa por parte dalgún garda xurado por levarse a faixa, pero tivo que quedarse coas gañas.

Agora só agardamos que non lle cheguen sancións ós mozos ós que lles arrincaron as bandeiras, e que dunha vez por todas deixen de producirse estas accións na nosa bancada.

18 Janeiro 2009

AS BANCADAS GALEGAS, CON PALESTINA

Negreira-COMPOSTELA


LUGO-Barakaldo

16 Janeiro 2009

NA GALIZA, ¡EM GALEGO!




A pasada noite forom atacados com pintura laranja varios meios de comunicaçom espanholistas em Vigo.

Atlántico diario, Faro de Vigo, e TeleVigo som meios de comunicaçom locais que levam esde o começo da "cruzada contra el gallego" de colectivos fascistas como "Galicia Bilingüe" dando-lhes publicidade e tratando a estos assassinos da nossa língua como vítimas inocentes da suposta imposiçom do galego.

Estes som os meios que se auto-proclamam como os defensores da democracia e da liberdade de expressom mentres manipulam a imformaçom, injuriam e tratam de terroristas a os que querem, legítimamente, defender o nosso direito a falar em galego e viver como galeg@s.

Hoje mais que nunca recordamos-lhes que o único idioma imposto na Galiza é o espanhol, e que eles e a sua ideologia fascista é o único terrorismo que há no nosso territorio.

De caminho as próximas eleiçons à "Xunta da Galiza" estam voltando a intensificar a sua campanha, e desde já devemos contestar. Que "Galicia Bilingüe" tenha claro que nom vam poder manifestar tranquilamente a sua intençom do exterminio do galego. Que lá onde fagam actos públicos , @s galeg@s estaremos presentes para mostrar o nosso rejeitamento.

E que os meios de manipulaçom informativa que os apoiem tambem seram denunciados com contndência.

NOM SOM BILINGÜES, SOM ESPANHOLISTAS!!

NA GALIZA EM GALEGO!!

INDEPENDÊNCIA E SOCIALISMO!!

14 Janeiro 2009

CELTA B 2-REAL SOCIEDAD B 0



Fotografías cedidas por Eugenio Álvarez para a web de Celtarras

CELTA 2-HÉRCULES 1



Fotografías cedidas por Eugenio Álvarez para a web de Celtarras

13 Janeiro 2009

CONCERTO CONTRA A REPRESIÓN


Baixo o lema Koncerto contra a represión, os nosos compañeiros de HNT celebran o vindeiro 31 de xaneiro un concerto solidario para facer fronte ás multas que lle caeron a varios dos seus membros tralo Coruña-Athletic da tempada pasada. O concerto, que comezará ás oito da tarde e contará cos grupos Piperrak, Suspenders e Dale Ke Aun Respira, celebrarase nun gaztetxe da barriada bilbaína de Rekalde.

11 Janeiro 2009

ALAVÉS 1-CELTA 2


Esta terceira vitoria ligueira consecutiva achega ó noso equipo ós postos de ascenso, e tal como aconteceu a semana pasada ante o Hércules, os xogadores célticos sufriron nos instantes finais as acometidas dos xogadores rivais na procura dun empate que finalmente non chegou. Unha vez máis, o veterano Notario voltou ser peza fundamental no triunfo vigués, desta volta coa parada dun penalti cando o marcador todavía rexistraba un 2-0 a prol do Celta.

David Rodríguez, que acadaba na xornada pasada o seu primeiro gol para o Celta no actual campionato ligueiro, foi o goleador céltico neste encontro, pero a súa actuación quedou empañada polo cartón vermello que lle amosaron na mesma xogada do penalti citado liñas atrás, e que fixo que o noso equipo tivera que afrontar o derradeiro treito de encontro cun xogador menos sobre o céspede de Mendizorroza. Ó tratarse dunha agresión, o dianteiro céltico podería ser sancionado ata con catro encontros de suspensión, inda que nun principio non debería perderse o encontro aprazado ante o Murcia. No campo alavesista atopámonos cunha pésima árbitraxe, tan rigurosa cos nosos xogadores como permisiva cos locais.

Agora mesmo, o Celta atópase a cinco puntos do primeiro posto, compartido éste por Xerez e Zaragoza, e mentres a tódolos equipos que loitan por meterse nos tres primeiros postos lles restan dous encontros para rematar a primeira volta, ó Celta réstanlle tres, ante Sevilla Atlético (este vindeiro sábado en Balaídos, a partires das oito da tarde), Murcia e Xerez. De sacalos adiante, o Celta podería arrincar a segunda volta colocado nos postos de ascenso, algo que semellaba bastante lonxano ata fai poucas semanas.

Agora máis que nunca, a afección non debe darlle as costas a uns xogadores que continúan medrando encontro tras encontro, e levándonos paseniñamente ós postos que nos corresponden por historia e tradición. Agardamos que as bancadas de Balaídos amosen neste partido un mellor aspecto que en encontros anteriores, e que éstas poidan celebrar un novo triunfo ante un filial sevillista que, pese a chegar como pechacancelas da clasificación, non vai ser un rival doado.

09 Janeiro 2009

SOLIDARIEDADE CON PALESTINA


O SÁBADO 10 ÁS 18:00 h. MANIFESTACIÓN DENDE VÍA NORTE.

As persoas participantes nesta concentración queren manifestar o seu rexeitamento máis categórico aos ataques cometidos contra o pobo palestino, e a súa solidariedade total e o seu apoio ca causa palestina.
Chamamos ao pobo galego a sumarse á protesta.

No 2006, Israel, os EEUU, a UE e algúns gobernos árabes, especialmente a ditadura exipcia, non respectaron a decisión dun pobo cando estes estados presumen de ser países democráticos, dende entón Israel, aproveitándose da complicidade dos EEUU, mantén un cruel embargo sobre a Faixa con tráxicas consecuencias para a poboación, mentindo descaradamente cando responsabilizan a Hamás do ataque e da ruptura da tregua.

Foi Israel, quen en ningún momento respectou a tregua; asasinando a máis de...700.....palestinos, entre eles mulleres e nenos, bombardeando hospitais, escolas e barrios civís coa escusa de buscar militantes de Hamás, cando é sabido que Israel dispón de satélites de alta tecnoloxía para a identificación de individuais.

Israel mantén unha política de campos de concentración, co obxectivo manifesto de ter controlada unha poboación, a palestina, ocupar territorios, roubar os seus escasos recursos naturais e destruír infraestruturas; casas; hospitais; centros sociais e culturais, sen respectar o Dereito Internacional nin as bandeiras da ONU.

Queremos denunciar a complicidade do estado español que xunto coa UE, toma parte por Israel, ao acusar ás vítimas da acción dos verdugos. Alén do máis, o goberno do PSOE é cómplice activo ao venderlle ao exército israelí moitas das armas que está a usar.
Esiximos que:

Se impulsen políticas activas de solidariedade en favor de Palestina.

Se deteñan tódolos ataques e bombardeos.


Abran as fronteiras para as axudas humanitarias, especialmente en Rafah, xa que dende o 2006 nin o 10% das axudas enviadas á Faixa de Gaza puideron pasar.

A ONU lle outorgue a tódolos representantes lexítimos palestinos, incluíndo Hamás, a oportunidade de sentarse a mesa do diálogo ao igual que Israel.

O goberno de ZP rompa as relacións diplomáticas e comerciais con Israel.


A Xunta de Galiza se pronuncie contra Israel e en favor do pobo palestino.

Se denuncie a venda de armas.

Se promova o boicot aos produtos israelís e daquelas empresas que manteñan relacións comerciais con eles.

Os medios de comunicación e a prensa internacional sexan neutrais.

ALTO AOS ATAQUES EN PALESTINA !
SOLIDARIEDADE TOTAL CO POBO PALESTINO !
GALIZA CONTRA A AGRESIÓN!

05 Janeiro 2009

RIFI-RAFE ETB 1993



No ano 1993, a canle ETB levou a cabo un debate entre grupos de hinchas, no que participaron membros de moitos deles, sobre todo de Euskal Herría, pero tamén do resto do estado, como Frente Atlético, Yomus, Ultras Violetas, Gaunas Sur, Blues, ... Por suposto, tamén houbo representción de Celtarras, tal como podedes comprobar neste video. Se queredes ollar o programa enteiro, só tedes que ir ó noso apartado de vídeos, onde xa o colgamos. Inda que moitos de vós sabiades deste programa, poucos puidestes ollalo ata agora.

04 Janeiro 2009

CELTA 2-HÉRCULES 1


O Celta arrincou o ano 2.009 cunha vital e sobre todo traballada e moi sufrida victoria ante o mellor equipo que ten pasado por Balaídos no actual campionato ligueiro, e que debe servir para que o noso equipo sexa considerado como un firme candidato para o ascenso de categoría, despois dun nefasto inicio do torneo. A este importantísimo triunfo debemos engadir os empates que colleitaron a meirande parte de rivais célticos na loita polos primeiros postos, e que favorece o noso achegamento á parte alta da táboa; neste senso, o encotro pendente no campo do Murcia antóxase como vital para os nosos intereses.

David Rodríguez estreouse como goleador nesta liga ós dez segundos do segundo tempo, e posteriormente Óscar Díaz aumentou a nosa ventaxe no marcador. Inda que desta volta quedouse sen marcar, o brasileiro Dinei sí que participou na creación deses dous tantos, o que corrobora a necesidade de xogar con dúas puntas. Un gol visitante mediado o segundo período iniciou un sufrimento que non rematou ata o pitido final, e tras dispoñer o Hércules de varias ocasións para o empate, incluindo un gol anulado a Taborda e unha espectacular parada de Notario, o Celta puido incrementar tamén a súa renda despois dun lanzamento de Trashorras ó pau da porta defendida por Calatayud, o porteiro menos goleado da categoría.

O regreso dun encontro matinal en Balaídos non favoreceu nen a asistencia de público nen a animación dende as bancadas, reafirmando a idea de que os domingos de mañá non están feitos para os encontros de fútbol, ou cando menos para os siareiros do noso equipo. Iso si, cando o Hércules botouse con todo enriba da área céltica no derradeiro treito de encontro, sí que se estivo á altura, e cos nosos berros colaboramos a que os tres puntos se quedaran en Vigo.

Na nosa bancada puideron escoitarse tamén diferentes berros en favor de Palestina durante varias fases do encontro, acompañado da exhibición de diferentes bandeiras deste país asediado na actualidade por Israel.

01 Janeiro 2009

GALIZA-IRAN

DERRADEIRO ENCONTRO ANTES DO SORTEO

Este domingo, no importante encontro que o noso equipo xoga ante o Hércules a partires das 12 do mediodía en Balaídos, quen non pagou todavía o seu carnet de Celtarras todavía pode entrar no sorteo das camisolas doadas na tempada pasada por Vitolo e Gustavo López, sempre e cando se faga socio da nosa peña nesta citada xornada.