29 Setembro 2008

A PRENSA ESPAÑOLA ARREMETE CONTRA A NOSA SELECCIÓN DE FÚTBOL SALA


vieiros.com

Esta sexta feira o xornal deportivo madrileño Marca publica, en portada e en páxinas centrais, un artigo no que, baixo o título "Cataluña e Galicia participan nun Mundial 'pirata'", critican o soporte que os gobernos de ámbolos dous países lle dan ao futsal feminino.

A información está encamiñada a criticar a participación nunha competición que porfían por facer pasar por ilegal: "organizada pola AMF (Asociación Mundial de Futsal), unha entidade contraria ás actividades da FIFA", din, ao tempo que salientan que detrás da organización deste evento deportivo está o interese da Generalitat de Cataluña e da Federación Catalá de Fútbol Sala de "botarlle un pulso á FIFA", ao tempo que esta entidade organiza un outro Mundial (para Marca, o auténtico) no que "España aspira a conseguir o seu terceiro título".

A seguir lembran que hai pouco que a AMF (entidade que agora organiza este Mundial e "que non recoñece a potestade da FIFA") admitiu no seu seo á Federación Catalá, o que "propiciou" o polémico encontro entre Cataluña e España, o pasado mes de xuño en Rusia.

Porén, salientan que ningunha das xogadoras da selección catalá neste Mundial vén do Gironella, equipo que xoga na División de Honra, senón de clubes da Liga Nacional Catalá de Fútbol Sala. En canto a Galiza, critican que a conselleira de Cultura e Deporte apoiase a participación das irmandiñas neste evento, a pesar de non estar a Federación Galega representada na AMF. Que Galiza estea incluída no Mundial é obra, segundo este xornal, do presidente da Federación Española de Fútbol Sala, Luis Pena, que é "galego" e "presidente, tamén, da Federación Galega de futsal".

O artigo termina destacando que Unión Europea de Fútbol de Salón (UEFS), englobada na AMF, recoñece á Federación das Provincias Vascas, que, porén, contan, "aínda non chegou a debutar".

Aquel España-Cataluña

No xornal aínda queren deixar claro que os eventos organizados pola AMF non son lexítimos. De feito relembran aquel partido xogado entre España e Cataluña en Rusia, un encontro no que, segundo din, había unha selección vermella que "nada ten que ver cos Kike, Luis Amado ou Daniel que onte (pola quinta feira) viaxaron a Brasil na procura do seu terceiro título".

Porén, cómpre lembrar que acontece realmente entre a FIFA e a AMF. O fútbol sala é un deporte creado no Uruguai hai máis de tres décadas. Daquela naceu a FIFUSA, Federación Internacional de Fútbol Sala, e, nada máis ser creada comezaron as discrepancias coa FIFA. Os primeiros comezan a organizar as competicións deste deporte querendo máis exclusividade no negocio do fútbol sala. No 78 rexistraron as palabras "fútbol sala", quedando para os eventos da FIFUSA a palabra "futsal".

As loitas polo negocio mundial do fútbol sala

O tirapuxa seguiu durante a décados dos 80. Naquela altura, a FIFA usou toda a súa influencia para asumir o control deste deporte e tentou negociar unha fusión coa entidade, pero os acordos fracasaron. Finalmente, en 1989, a Confederação Brasileira de Futebol de Salão marchou do seo da FIFUSA para se integrar na FIFA, o que fortaleceu a entidade presidida, naquela altura, polo brasileiro João Havelange. Enfraquecida, a FIFUSA acabou por se extinguir, mais dos seus restos naceu, en 2002, a que hoxe se coñece como AMF (Asociación Mundial de Futsal).

A AMF conta con 31 afiliados e tres organismos continentais: a Unión Europea de Fútbol Sala (UEFS), a Confederación Sudamericana de Futsal (CSFS) e a Confederación Panamericana de Fútbol Sala (CPFS). Cada catro anos, a AMF organiza o Mundial de futsal (comezou a organizalo en 2003 e o último foi en 2007 na Arxentina). Este ano desenvólvese (entre o 29 de setembro e o 5 de outubro, coa participación de Galiza, ademais doutros 11 países) o primeiro Mundial Feminino da historia deste deporte, que se xogará en Reus, Cataluña.

28 Setembro 2008

O FILIAL DEIXA Ó CORUÑA B EN DESCENSO

Co empate colleitado esta mañá en Abegondo, o noso filial deixa afundido ó seu homólogo coruñés, quen continuará unha xornada máis nos derradeiros postos da táboa. Pese a recibir un gol ó pouco de comezar este derbi, os nosos xogadores conqueriron igualar posteriormente o encontro, e mesmo puideron levarse os tres puntos. Con este empate a uns ante aproximadamente 2.000 siareiros en Abegondo, o Celta B segue asentado nos postos cómodos da clasificación con 9 puntos, e continúa sen coñece-la derrota lonxe de Vigo.

GZ NO MUNDIAL FEMININO DE FÚTBOL SALA


Mañá, día 29 de setembro, será unha data histórica para o noso país, xa que arrinca o Mundial feminino de fútbol sala, onde participará a nosa selección nacional, quen ademais disputará o encontro inaugural ante o combinado ruso. Será ésta a primeira ocasión na que unha selección galega toma parte nun campiotato de carácter oficial, o cal celebrarase na localidade catalana de Reus.

Haberá que agardar, pero moito nos tememos (ogallá nos trabuquemos) que os medios des-informativos galegos farán un seguimento nulo deste feito histórico, onde os intereses políticos e españolistas non permitirán demasiada publicidade do evento. Unha mágoa.

Neste campionato do Mundo, ademais de Galiza, participan Arxentina, Australia, Brasil, Catalunya, Colombia, Eslovaquia, Italia, Paraguai, República Checa, Rusia e Venezuela.

A nosa selección, que partíu cara o país catalán días atrás, está formada por Silvia Aguete (Leis), Claudia Rodríguez (Burela), Paloma Vilar (Leis), Begoña Fraguas (Leis), Ana Rivera (Verín), Carmen Pérez (Mosteiro), Laura Pérez (C. Burgas), Lucía Álvarez (C. Burgas), Sonia Pacios (C. Burgas), Iria Saeta (C. Burgas), Cecilia Puga (A Combarro), Paula Gómez (Verín), Dolores Sánchez (Burela) e Gema Vidal (Leis). A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, e a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, despediron ó combinado nacional antes da súa partida.

Tralo encontro ante as rusas, o martes xogaremos ante Ukraína, a outra selección que completa o grupo A. De clasificarse entre as dúas primeiras, as galegas disputarían os cuartos de final que comezan o venres, e que as emparellarían coas clasificadas do grupo B, composto por Venezuela, Bélxica e Arxentina.

ADIANTE IRMANDIÑAS !!!

CELTA 2-TENERIFE 1


Por fín chegaron, e non foi sen tempo, os primeiros goles célticos e maila primeira vitoria da presente tempada. O Celta saíu moi enchufado ó encontro, e dende os primeiros compases déste xa se volcou sobre a porta canaria na procura do agardado primeiro tanto ligueiro, sendo Ghilas quen abriría a conta cun bo gol no minuto 8. Nese primeiro tempo, o noso equipo gozou de varias ocasións para incrementa-la renda, mentres que o colexiado deixou de sinalar dous penaltis ó noso prol. Xa no segundo tempo, o mesmo xogador arxelino repetíu como goleador e subíu tamén nos primeiros minutos o 2-0 ó marcador. Cando o encontro semellaba pechado, o Tenerife acortou distancias, e ata o asubío final houbo moito que sufrir, inda que o noso equipo tampouco chegou a pasar por grandes apupos, salvo un despexe envenenado de Edu Moya coa súa testa que fixo que o balón pasara moi preto do longueiro.

Agora esa melloría nos resultados haina que ratificar nas próximas dúas xornadas, nas que visitaremos de forma consecutiva Huesca, na vindeira fin de semana, e Elxe na seguinte.

Como é habitual nestes encontros matinais, o celtismo tardou en despertar, inda que en diferentes fases do encontro o público tirou do equipo cunha animación bastante aceptable. É unha mágoa que o celtismo sega a darlle as costas ó equipo, e que Balaídos continúe rexistrando xornada tras xornada unhas entradas bastante malas. Cando cheguen os triunfos e os éxitos, seguro que serán moitos os que regresen ás bancadas presumindo de celtismo.

Para rematar, enviámoslle un saúdo antifascista ós nosos camaradas do Frente Blanquiazul, que desta volta non puideron estar connosco. Na súa honra penduramos nun dos valados de Fondo a Tricolor que nos deron nunha das súas primeiras visitas a Galiza.

Fotografía cedida por Eugenio Álvarez para a web de Celtarras

27 Setembro 2008

O CAMIÑO A SEGUIR


Este pasado mércores disputouse en Balaídos o derbi entre o Celta B e mailo Pontevedra, no que o noso filial conqueríu vencer por 1-0 a pesares de ter que dispoutar un bo treito do encontro cun home menos, despois da rigurosa expulsión de Ferrán cando o marcador todavía non se movera. Por fin ollamos un gol ó noso prol en Balaídos, inda que desta volta tivera que chegar de mans dos canteiráns célticos. Agardamos que tanto Pepe Murcia como os xogadores do primeiro equipo tomaran nota dos rapaces, e que sexan agora eles quenes podan brindarnos ante o Tenerife o seu primeiro gol ligueiro en Balaídos, e que por suposto os tres puntos quenden no noso campo. Se loitan como os xogadores do B, a vitoria ante os canarios estará un chisco máis preto. O camiño a seguir xa o saben.

23 Setembro 2008

CELTA B-PONTEVEDRA

Lembramos para os habituais de Barreiro que mañá mércores, a partires das oito e media do serán, hai liga en segunda B, e o noso filial recibe ós nosos veciños do Pontevedra. Desta volta, o escenario do encontro non será Barreiro, se non Balaídos. Ante a habitual presencia de siareiros procedentes da cidade do Lérez, haberá que estar cos nosos rapaces para que o noso estadio non semelle un segundo Pasarón. Como sempre, os socios do Celta entran de balde co seu carnet.

DÚAS REALIDADES OPOSTAS


Este vindeiro domingo, a partires das 12 do mediodía, visita Balaídos o CD Tenerife, equipo que chega á nosa cidade como máximo realizador do campionato, con 10 tantos acadados nos seus catro encontros disputados. Enfronte estará o noso Celta, o único equipo da categoría que non sabe todavía o que é marcar un tanto en tamén catro partidos. Son dúas realidades opostas que este domingo deben trocar para poder sumar dunha vez por todas os tres puntos en xogo. Isto non fixo máis que arrincar, pero os puntos que se perden agora xa non se recuperan xamais, e despois de salvar cando menos un punto en Eibar tralos tropezóns dos primeiros tres encontros, agora toca gañar, que xa vai sendo hora. Este domingo, a madrugar e acudir ó campo, que o apoio dende a bancada será moi importante para conquerir unha vitoria que se fai derrogar máis do debido.

21 Setembro 2008

EIBAR 0-CELTA 0


Un Celta con numerosos trocos no seu once inicial con respecto ós encontros anteriores, acadou en Ipurúa o seu primeiro punto da tempada. Despois dun mal encontro en liñas xerais, o Celta acadou un raquítico punto que segue sembrando moitas dúbidas sobre o futuro inmediato e mailo obxectivo real dun equipo que xa leva algo máis de 360 minutos (os catro partidos disputados) sen acadar un gol en liga, e moito nos tememos que a cantidade pode continuar incrementándose de non producirse un troco radical no modo de atacar. En Ipurúa gañouse en solidez, e agora agardamos que se gañe en profundidade e que comecemos a perforar as metas rivais.

Polo menos, desta volta puidemos manter a nosa portería a cero, inda que máis que por unha mellora na defensa, o logro podemos anotarllo a un Notario que no segundo tempo evitou o descalabro cun par de espléndidas intervencións.

Noutra orde de cousas, este encontro supuso a primeira viaxe de Celtarras nesta liga, e tódolos detalles da mesma, con escala en Bilbo, poderedes lelos no vindeiro número de Dende As Bancadas.

19 Setembro 2008

A ERREALA PARA A COPA


O sorteo da vindeira rolda do torneo de copa emparellou ó noso equipo coa Real Sociedade. A eliminatoria xogarase todavía a partido único, e ó contrario que na anterior co Alicante, desta volta será o Celta quen actuará como local. Deste modo, Balaídos estrearase en Copa na súa edición 08/09. O encontro, salvo troco de última hora, disputarase o vindeiro 8 de outubro.

15 Setembro 2008

VIAXE A EIBAR


A pesares da data e hora do encontro (domingo ás seis da tarde), e da distancia entre Euskal Herría e Galiza, Celtarras pretende estar presente, en maior ou menor número, no campo de Ipurúa, e estar xunto ó equipo na que vai ser a nosa primeira vitoria da liga 08/09.

Os inteesados en viaxar, poden poñerse axiña en contacto connosco no mail da peña (celtarras_gz@hotmail.com). Este xoves decidirase o plan da viaxe no Piratas do Faro, a partires das oito da tarde.

A ENÉSIMA DA GALEGA (esmorgazeleste.com)


A desvergoña da Televisión de Galiza parece que non ten límites e cando semella que a indignación ante determinados feitos é difícil de superar, sempre se arranxan para conseguilo. Despois do que apuntamos neste blog hai unhas semanas, a penúltima artistada do medio público foi interromper a emisión en directo do partido Celta-Tarragona á falta de 20 minutos para o final para dar o interesantísimo Barcelona-Santander.

É imprescindible que desde o Celta se denuncie este atropelo intolerable, pero a gravidade e reiterado da situación debería chegar a níveis máis altos (os políticos teñen que tomar cartas no asunto porque para algo se trata dun servizo público). Por parte da afección, deberiamos manifestar a nosa repulsa cara á liña informativa da TVG e non consentirlles que se rian á cara de nós e de todos os galegos en xeral.

ENTREVISTA RECENTE A SANTI VIGO


ENTREVISTA A SÁNTI VIGO, PRESO INDEPENDENTISTA GALEGO DISPERSADO A ARANJUEZ Novas da Galiza nº 69

Que destacarias, destes mais de oito meses que levas na cadeia?

O primeiro que quigera destacar foi a nossa estadia em Alcalá-Meco, logo desde os primeiros dias. Um módulo de menores tremendo, onde nos figérom a vida impossível, agitando parte dos presos contra nós, e submetendo-nos a um assédio permanente. Fôrom dias de muita tensom que nom nos permitírom ir habituando-nos à vida em prisom.

Era um assédio motivado por razons políticas?

Quem provocava sabia as razons, claro, eram espanholistas e ultras, conheciam os independentistas dos 80: “já sabemos quem sodes, terroristas galegos”, diziam. Os presos que lançavam contra nós, nada de nada. Pensa que som gente que quase nom conhece nada fora da prisom, o único que pensam é em obedecer, a ver se assim tiram algum benefício, e estám dispostos a todo. Até comunicar-se era impossível.

Depois vem a vossa transferência de cadeia para Aranjuez...

Sim, aqui remete algo a agressividade. Nalgumhas actividades coincidimos com gente de outros módulos –já nom som módulos de menores-, e conhecemos presos bascos, comunistas e antifascistas (um deles, Marcos Regueira, é galego). Já podemos ter conversas políticas, aprender uns dos outros...

E a relaçom com o resto de presos?

Mui pouca, ainda que há excepçons, e gente com a qual se pode tratar. Por exemplo, para jogar xadrez, com os da Europa do leste, que som imbatíveis (risos). Ora, os presos políticos que levam mais tempo, dizem que a solidariedade que havia em outros tempos já nom é a mesma. Antes era todo ajuda mútua, contestaçom aos abusos... as drogas e a obediência acabárom com todo.

Em Aranjuez voltaste a ser agredido polos carcereiros, e decidiste denunciar.

Foi depois de um bis a bis. Levam-me para umha sala quatro carcereiros, e pedem-me que me dispa. Eu pergunto-lhe porquê, e dizem-me: “queremos-che ver o cu”. Ao recusar-me, agarram-me entre vários, atiram-me ao chao, e começam a pontapés comigo. Depois fum para isolamento.

E a denúncia?

Vem até aqui o meu advogado e recomenda-me denunciar, porque umha vez que se atrevem a tanto, há que pôr freio. Claro, a denúncia nom prospera, mas ainda assim há que pô-la, é umha pequena medida de pressom. Quando me levam aos julgados a Aranjuez, os carcereiros já pensam noutra provocaçom: algemam-me a outro preso na viagem de ida, que me vai insultando e provocando sem parar... querem que acabemos mal.

Porque?

Porque assim podem dizer ao juíz: “vem, esse é um preso conflitivo, seja lá onde for, arma confusom, peleja com todos, e assim”. Para depois justificar medidas repressivas. E de facto, à volta dos julgados, outra vez numha sala com quatro ou cinco carcereiros, e mais ameaças, fui obrigado a despir-me outra vez.

Sabes que se interessárom polo teu caso associaçons como “Amnistia Internacional”?

Pois nom sabia, nom, mas parece-me bem. Também me contárom que se figérom actos de denúncia fora, é importante. Como judicialmente nom vai prosperar, polo menos que a gente se inteire dos abusos. Também alivia a solidariedade mais pessoal, em forma de cartas, visitas, postais... E as pequenas medidas de pressom que se tomam dentro: agora os independentistas presos fazemos um jejum contra a dispersom umha vez por mês.

Como afectam estas agressons ao preso?

A dor física nom é o pior. Querem vexar-te, que te sintas só, desamparado... sem ninguém, numha sala, rodeados de quatro pessoas que te querem surrar! Imagina... A única maneira de combater isto é levando umha vida mui ordenada. Di-me um comunista que há aqui, que já estivo em prisom várias vezes. “há que ler muito, fazer trabalhos manuais e exercício físico, senom acabam contigo”. E isso é o que tentamos, ainda que aos que somos mui novos custa-nos mais.

14 Setembro 2008

CELTA 0-NÁSTIC 2


A terceira derrota ligueira afunde ó noso equipo nos derradeiros postos da clasificación, algo que de seguro que nen os máis pesimistas agardaban antes de comeza-lo actual campionato. Semellaba moi difícil que non se mellorara o pésimo inicio ligueiro da tempada pasada, pero este plantel foi quen de conquerilo. Ademais das tres derrotas, os números que presenta o Celta son nefastos, e como soe dicirse nestes casos, falan por sí sós: cinco goles en contra por ningún ó noso prol. A falla de gol comeza a ser alarmante.

Tampouco a sorte e os árbitros están da nosa parte. O colexiado comeuse no primeiro tempo un penalti cando menos igual de claro que o que nos asubiaron en contra en Castellón na pasada xornada, e posteriormente, xa no segundo, tamén deixou de sinalar outro na área catalana. Igual non serve de excusa, pero o certo é que desta volta os erros arbitrais sí que puideron influir nesta derrota.

Agardamos que estes xogadores teñan a forza e capacidade suficiente para sacar ó equipo destes postos nas vindeiras xornadas, e que a partires dagora poidan sacudirse a presión e comecen a escalada cara os postos altos.

Neste encontro, a presencia de siareiros en Balaídos voltou a ser bastante escasa, feito no que tamén influíu o horario, novamente en sábado de tarde por exisencias da televisión. Agardamos e pedimos que o celtismo non lle dea as costas ó clube, tal como aconteceu na campaña anterior, e que continúe acudindo a Balaídos e apoiando ó equipo, que agora é cando éste máis precisa do apoio da súa xente. ¿Arrincaremos en Eibar?, ¿recuperaremo-lo gol en Ipurúa?, ¿serán as televisións gafes para o Celta?. A resposta, o vindeiro domingo a partires das seis da tarde.

Fotografía cedida por Eugenio Álvarez para a web de Celtarras

07 Setembro 2008

CASTELLÓN 2-CELTA 0


O Celta vai camiño de repeti-lo nefasto inicio ligueiro da pasada tempada, onde únicamente sumou un punto dos nove en xogo nas tres primeiras xornadas. Polo dagora, levamos dúas xornadas disputadas e outras tantas derrotas colleitadas. Con estes dous batacazos iniciais, a ilusión que este equipo espertou na nosa afección vai camiño de quedarse en fume, e inda que todavía queda todo un mundo para o remate do campionato, o certo é que as sensacións non son agora mesmo as mellores, e as pantasmas dun novo fracaso ligueiro non tardarán en aparecer se non chegan axiña os bos resultados.

Neste encontro disputado en Castalia, o Celta amosouse como un equipo moi espeso, cuns erros defensivos tremendos, un centro do campo desaparecido e unha feble pegada sobre a meta rival. O primeiro tempo foi, en liñas xerais, desastroso, e inda que no segundo tempo mellorouse un pouco a imaxe, o noso equipo nunca deu sensación de poder sacar algo positivo da cancha orellut. Ademais, non entendemos algunhas decisións tomadas polo adestrador, como que Rubén continúe como titular, ou as suplencias neste encontro de David Rodríguez e Ghilas, dous dos xogadores máis destacados da pretempada recentemente rematada.

O vindeiro sábado, a partires das seis e media da tarde, recibimos en Balaídos ó Nástic de Tarragona, equipo ó que debemos vencer para non perder comba con respecto ós postos altos da clasificación. Debemos ser positivos, e esquecernos canto antes destes dous reveses, e pensar en que a vindeira xornada debemos estar todos nas bancadas do municipal vigués para animar a un equipo que é certo que hoxe non estivo á altura, pero que de seguro que na vindeira xornada daranos a primeira ledicia da tempada.

CAMPIOAS DE GALIZA



Inda que a competición ligueira comezou esta mesma fin de semana, o Olivo proclamouse días atrás campión da Copa Galiza de fútbol feminino despois de imporse na final celebrada en Redondela ó Atlético Arousana por dous tantos a cero. Con este título podemos esquece-lo mal sabor de boca que nos deixou o remate da tempada anterior, onde as viguesas non puideron poñe-la guinda á súa excepcional liga levada a cabo coa consecución do ascenso á Superliga. Agardamos que esta tempada poidan entrar de novo na eliminatoria de ascenso a esa máxima categoría do fútbol feminino estatal.

06 Setembro 2008

ESTREA DO FILIAL EN BARREIRO

Tralo empate colleitado en Donosti na xornada anterior, o noso filial estréase mañá domingo como local ante o Guijuelo a partires das 12 do mediodía, cun plantel que presenta numerosos trocos con respecto ó da pasada tempada. A ver se vos deixades caer por Barreiro para arroupar ós xogadores célticos.

05 Setembro 2008

ALICANTE 0-CELTA 1


Trala derrota da primeira xornada ligueira en Balaídos ante o Girona, este encontro copeiro presentabase non como unha final, pero sí como un encontro máis transcendente do que puidera significar esta eliminatoria de copa (segunda rolda), onde unha nova derrota, ás portas da difícil visita a Castellón, de seguro que faría que xurdiran as primeiras dúbidas sobre o equipo e nervos entre a afección céltica, sempre coa inestimábel axuda dos carroñeiros da prensa, tan amigos nos derradeiros tempos de provocar incendios en todo o vencellado co noso equipo. Un solitario gol acadado por Óscar Díaz na segunda metade deu a vitoria ós nosos, e o pase á seguinte rolda copeira, na que teremos como rival novamente a outro equipo de segunda. Coa moral recuperada, agora toca centrarse na liga e inaugura-lo noso casilleiro de puntos canto antes.

01 Setembro 2008

FACHA E IGNORANTE


vieiros.com

O XOGADOR DO DEPORTIVO NO 'DÉPOR SPORT'

Sergio González: "O galego é coma o asturiano. Non son idiomas. Eu creo que son dialectos"

Nunha entrevista publicada o domingo no xornal dependente do clube coruñés, o xogador, nacido en Hospitalet, métese no mar sen roupa de augas.

A conversa, publicada en tres páxinas e en cen preguntas, deu para moito. Política, matrimonio homosexual, cafe ou té..., pero a declaración máis rechamante do centrocampista do Deportivo chegou na pregunta 40. 'Cantos idiomas fala?', "Ben, só o castelán". 'O catalán tampouco?', "Si, pero o catalán é un dialecto, non é un idioma, igual que o galego. É coma o asturiano. Eu creo que son dialectos, non os considero idiomas".

Sergio aclara tamén que o inglés ten o do BUP. Disque o inglés si é un idioma.Sergio, nacido en L'Hospitalet e xogador da selección catalá, chegou ao Deportivo no ano 2001. Na entrevista, na que trata un cento de temas, dende as súas habilidades coa lavadora, a que idade perdeu a virxindade ou que opina do botellón, afirma tamén, preguntado polo matrimonio gai, que "o home é para a muller e a muller para o home".